lunes, 1 de junio de 2009

Riscos laborais

Unha das causas máis habituais dos accidentes que sofren os traballadores do sector agrario é o uso da maquinaria agrícola, onde destacan aqueles vinculados co uso do tractor e a tala forestal, "debido á súa potencia e ás súas dimensións", segundo atribuíu a Consellería de Traballo, que precisou que o 66 por cento dos accidentes mortais rexistrados neste sector no 2007 se deberon ao uso de máquinas en xeral e, deste total, o 33 por cento foi orixinado polo uso de tractores.

Por estes motivos, o departamento de Ricardo Varela, a través da Dirección de Relacións Laborais, celebra entre onte e hoxe as primeiras xornadas divulgativas que abordarán de modo específico a prevención de riscos laborais no uso de maquinaria agroforestal, baixo o título Xornadas de prevención de riscos laborais: sementemos seguridade".

Precisamente, a consellería revelou que o ano pasado no sector agrario se produciron seis accidentes mortais, dous dos cales foron provocados polo uso de maquinaria. Deste total, rexistráronse dous sinistros vinculados co uso do tractor e coa tala forestal. Os restantes estiveron vinculados co traballo con animais e con quedar atrapado coa maquinaria, mentres que un sucedeu por infarto dun traballador.

Á vista da importancia que ten o uso da maquinaria nos sinistros rexistrados no campo, a consellería de Traballo decidiu dar resposta a unha reivindicación dos traballadores deste sector "e afondar nas causas e nas solucións a este tipo de sinistros". Deste modo, estas xornadas analizarán a forma na que se produce o accidente. A consellería tamén recordou que moitos destes sucesos se producen a consecuencia de fallos humanos, como a manipulación de partes de máquinas, o estrés, a falta de información sobre a correcta utilización, as longas xornadas de traballo ou o exceso de confianza.

Así pois, para evitar os accidentes nos que está implicada a maquinaria agrícola, Traballo considera recomendable non transportar persoas no tractor; non utilizar roupas demasiado soltas para evitar quedar atrapado; e que o tractor estea previsto dunha cabina antixiro, cinto e arco de seguridade.

Para este departamento, concienciar os traballadores do sector agrario, mellorar a información sobre o manexo seguro dos tractores e ampliar o plan de renovación da maquinaria agraria son algúns dos elementos claves á hora de reducir as cifras de sinestralidade.